domingo, 21 de março de 2010

Polisemia, política e Polanski


Nunha recente entrada do seu blog, o escritor Francisco Castro observa que a miúdo a dereita se apropia dalgunhas das verbas emblemáticas da esquerda, trocándolle-lo significado e adaptándoas aos seus fins. Ten toda a razón, claro, pero ocórreseme a min, seguindo coa súa reflexión, que isto non é nada novo. Dende os tempos máis remotos da historia do xénero humano, o discurso do poder ten desenvolvido a capacidade de acubillar e absorbe-los discursos disidentes co obxectivo de rematar co seu carácter de disidencia. Abonda con escoller algúns termos chave e utilizalos pra designar unha realidade diferente, normalmente oposta á que o discurso rival lles ten outorgado, darlles unha connotación máis conveniente. É que, ao cabo, unha cualidade inherente á linguaxe é a de ser polisémica, e esta pluralidade semántica das verbas fainas maleábeis, permitindo que podamos usalas segundo nos conveña. Iso se a verba en cuestión inda ten algún significado, pois xa se sabe que, a forza de utilizalas tan a cotío e en balde, algunhas palabras perden o seu significado.

Por algunha razón, todo isto lémbrame que hai uns días vin a última película do director Roman Polanski, un thriller ben xeitoso titulado The Ghost Writer, no que Ewan McGregor interpreta a un "escritor-pantasma"—gústame a denominación destes anónimos mercenarios da literatura na lingua inglesa, moito máis axeitada có termo de dubidosa orixe que empregamos na nosa—contratado pra revisa-lo manuscrito das memorias dun ex-Primeiro Ministro británico (Pierce Brosnan) que vén de ser acusado de axudar a perpetrar crimes de guerra. Haberá quen vexa unha certa dose de antiamericanismo no filme, e non direi que non a haxa, mais a min paréceme que a mensaxe principal do Polanski non é esa. Pra min, a película fala máis ben da relación entre a política e a linguaxe, de como moitas veces os políticos se valen das palabras, da súa polisemia e maleabilidade, pra deforma-la realidade cando as cousas lles veñen mal dadas, unha metamorfose que converte as verbas en escudos que lles permiten evadir responsabilidades se é preciso. Non sei se esa é a intención real do Polanski no seu filme; se cadra, el só quería facer un thriller que mantivese a atención do espectador na pantalla de principio a fin, mais esa é unha das cousas que eu tirei en limpo da miña visita ao cine ese serán. Convídovos a que vexáde-la película e xa veremos se estades dacordo conmigo ou non. A verdade é que paga a pena.

O Teotónio.

2 comentários:

náufrago disse...

Atinada reflexión, abofé que si. Parabéns.

Teotónio L. de Sousa disse...

Grazas polo comentario, amigo Francisco. E parabéns tamén polo seu blog, que sigo a cotío.

O Teotónio.