sexta-feira, 19 de março de 2010

Sobre o castelán como lingua principal de EE.UU. e o "English Only"


Teño escoitado a máis dun político español, e mesmo a xente na rúa cando volto a España, gabarse da crecente importancia que a lingua castelá está a adquirir nos Estados Unidos. Coma se iso fose motivo de orgullo e non un fenómeno motivado por causas de carácter macroeconómico. Mais non nos trabuquemos, que normalmente a realidade non é como a pintan. É certo que o castelán se fala cada vez máis neste país, dependendo da zona que consideremos, claro: non hai máis ca ir a grandes superficies coma Walmart ou Lowe's pra constatar que alí tódolos carteis son bilingües, anque ás veces teñan abondosos erros ortográficos. Ademais, as canles de televisión e as emisoras de radio dirixidas á comunidade hispana están a multiplicarse. Pero, agás nalgúns casos excepcionais, nos Estados Unidos o castelán non é unha lingua de prestixio. Ese papel deténtao o inglés, e o castelán é unha lingua que se identifica moitas veces con ese sector da sociedade que se ocupa dos traballos que os demais non queren facer, un sector visto como máis pobre e cun índice cultural máis baixo. Como tódalas xeneralizacións, non fai falta dicir que se trata dunha imaxe inxusta, argallada por unha parte da sociedade pra desacreditar a outra. En resumo, unha imaxe que resulta tan real coma esa imaxe contraria que ás veces quere venderse en España, sospeito que na procura dalgún tipo de rédito político.


Como xa dixen, o que é incontestábel é que os hispanofalantes están a incrementarse nos Estados Unidos, un feito comprensíbel se temos en conta os milleiros de inmigrantes latinoamericanos que se establecen eiquí escapando das difíciles situacións socioeconómicas das súas terras de orixe. E, por suposto, sempre hai alguén que, nestes casos lingüísticos, quere crear problemas onde realmente non existen. O verdadeiro problema chega cando os outros escoitan o discurso dese alguén e o converten nunha proposta lexislativa totalmente carecente de sentido. Iso foi o que ocorreu hai uns meses no estado de Tennessee ao someterse a referendo a lei do "English Only", é dicir, un proxecto de lei que pretendía que tódalas accións de tipo legal se levasen a cabo en inglés. Os promotores desta lei argumentaban que a utilización de tradutores supuña gasto de máis pra o estado, mais non é difícil espreitar intencións moito máis escuras tras desas verbas. O "English Only" non só vai en contra da diversidade lingüística e cultural que é necesariamente inherente aos Estados Unidos, senón que terxiversa a realidade da vida cotiá deste país, no que a diversidade lingüística non é un problema real. Na práctica, a única lingua falada por toda a poboación que convive eiquí é o inglés; se cadra, algúns dos inmigrantes que chegan aos Estados Unidos non falan inglés, pero como tódolos inmigrantes en tódalas épocas da historia, preocúpanse de aprendelo. Pola conta que lles ten. Ademais, os seus fillos han falar inglés, e en moitos casos, nin sequera falarán a lingua da terra dos seus pais, pois como xa dixen, o inglés é o idioma prestixiado, non o chino, o coreano ou o castelán.

Neste ocasión, por certo, a sensatez impúxose, e a lei do "English Only" foi rexeitada por unha ampla maioría. Deixaremos algunha vez de ver problemas onde realmente non os hai?

O Teotónio.

Sem comentários: