domingo, 11 de abril de 2010

O Clásico, a Roxa, a Armada...


Como bo aficionado ao fútbol que son, onte vin o Madrid-Barcelona a través dunha das varias canles que retransmiten fútbol nos Estados Unidos. Coma de costume, foi o duelo no cumio, o partido máis importante da tempada, con Cristiano Ronaldo e Messi, os dous mellores xogadores do momento, fronte a fronte e os brancos tentando salvar un ano que, malia os moitos millóns gastados, semella que non ha trae-los éxitos agardados. Todo isto puiden lelo na prensa deportiva ao longo de toda a semana e todos estes tópicos non me impresionaron, porque nisto do fútbol, as palabras moitas veces deixan de ter significado á forza de seren repetidas. Mais o que si me sorprendeu foi que a meirande parte dos medios se referisen ao partido como o Clásico, termo que os comentaristas estadounidenses repetiron a fartar. Dende sempre, o Madrid-Barça tense chamado o derbi ou o partido do século ou algo polo estilo, anque nunca chegue a se-lo partido do século porque cada século hai enfrentamentos de máis entre os dous conxuntos. Só dende hai un par de anos, os xornalistas deportivos españois—que moitas veces nin xornalistas parecen—veñen copiando iso d'o Clásico da tradición futbolística latinoamericana, onde si hai encontros así denominados, tentando crear unha nova tradición cando xa existe unha propia. Mais, pregúntome eu, por que ocorre isto?

Supoño que será unha estratexia de mercadotecnia pra seguir a vender xornais e pra te-la audiencia pendente do partido. Existindo xa a expresión o derbi, non é realmente preciso troca-la terminoloxía. Neste caso, semella que o termo utilizado pouco importa: tanto ten clásico coma derbi, a verdade; o partido virá a se-lo mesmo e ha gañar quen máis goles marque. Mais púxenme a pensar un chisco (é que ás veces teño tempo libre de máis) e decateime de que noutras ocasións, estas tradicións creadas polos medios de comunicación si que teñen unha intención ulterior, moitas veces de carácter político ou nacionalista. E agora que a vindeira Copa do Mundo de fútbol está por chegar, comezamos xa a escoitar aos xornalistas describi-las fazañas d'a Roxa, da selección española. Tal denominación, claro, refírese á cor da camisola de España e pode xurdir por analoxía cos bleus franceses, mais lonxe de ser un termo neutro, identifícase coa cor do sangue e coa suposta furia deses guerreiros españois en pantalóns curtos, converténdose nunha evidente exaltación nacionalista. O mesmo ocorre cos xogadores españois de tenis, que, tomados en conxunto, forman a Armada, termo un tanto nostálxico que nos remite ao pasado imperial de España e que, polo tanto, pouco ten que ver co tenis. É curioso como os medios forman e inflúen no léxico dos individuos, tinxindo subrepticiamente algunhas verbas chave de significados nada neutros: ás veces, o deporte deixa de ser deporte pra voltarse declaración ideolóxica.

No tocante ao Madrid-Barça, o partido non foi moi espectacular e eu vivino con menos paixón do que un madridista ou un culé, pois tendo nacido perto de Vigo, o único equipo que verdadeiramente me emociona é o Celta. Iso si, o Barcelona voltou demostrar que, hoxe por hoxe, segue a ter mellor conxunto có Madrid e que hai que dar tempo aos proxectos pra que se solidifiquen antes de esixir resultados.

O Teotónio.