
Recoñezo que dende sempre teño sentido un agarimo especial polas cartas escritas de puño e letra. Gústame escribilas, envialas, recibilas, olla-lo selo, verifica-la información que aparece no mataselos. De feito, hai xa moito tempo que vivo nos Estados Unidos, mais inda escribo cartas a aqueles que considero amigos verdadeiros, mesmo anque saiba que moitos deles non han respondelas ou que o farán por correo electrónico, que é máis rápido, si, pero tamén moito máis impersonal e, na miña opinión, impropio pra tratar segundo que cousas.
Se cadra é porque as cartas espertan o meu lado máis romántico, ou porque estou un chisco anticuado, ou quizais porque xa vou vello, pero anque teño entrado nesa revolución tecnolóxica chamada internet sen problema ningún (e continúo a facelo tódolos días), non lle teño collido o xeito aos e-mails. Escríboos a cotío, coma calquera, e ás veces atráeme a súa inmediatez, mais ao mesmo tempo preocúpame a súa perdurabilidade. Porque, xa que logo, onde fica gardado un correo electrónico? Como e cando teremos acceso a el?

O outro día, sen ir máis lonxe, a miña muller e máis eu atopamos nunha libraría de vello unha antiga edición ben coidada e en perfecto estado das cartas completas de Robert Louis Stevenson, reunidas, como debe ser, por estricta orde cronolóxica. De cando en vez, gústame le-la correspondencia daqueles escritores ou personaxes históricos que me interesan. Supoño que orixinalmente estas cartas non foron escritas pra seren lidas por ningunha outra persoa agás o seu destinatario, mais sempre resulta interesante botar unha ollada aos recunchos privados da vida de certos personaxes, e as cartas dannos a oportunidade de tirar unha visión máis íntima e, se cadra, comprender mellor algunha obra. Iso coido eu, ou alomenos, o voyeur que moitas veces reside en min...
Gustei da lectura das cartas de Stevenson, si, mais as súas misivas fixéronme pensar no que ha ocorrer nun futuro, agora que eses escritores ou personaxes históricos xa non escriben cartas, e a dúbida mesmo chegou a preocuparme: e el haberá alguén que recolla os e-mails completos de fulano en forma de libro? Ou ficará todo este material perdido nalgún lugar do ciberespacio? Non teño resposta a estas preguntas, e ben mirado, nin sequera son preguntas importantes. Mais eu inda gardo cáseque tódalas cartas que recibo dos meus familiares e amigos, mesmo algunha que outra carta de amor, esas cartas que, segundo a vella canción portuguesa, son "pedaços de dor sentida de alguém". Despois de todo, son retallos e retrincos da nosa vida, non si?
O Teotónio.







