quarta-feira, 17 de março de 2010

Limiar a estas miñas teimas


Cando, en novembro de 1825, Sir Walter Scott decidiu comezar por fin a escribi-lo seu diario, velaquí as verbas que elixiu pra abrilo: "I have all my life regretted that I did not keep a regular Journal". Por varias razóns, non é a miña intención emular ao escritor de Ivanhoe.

En primeiro lugar, isto non é un diario regular; escribirei nel cando considere que teño algo que dicir e tamén probabelmente cando non teña nada que dicir pero sinta ganas de escribir. É dicir, cando me pete, que para algo a Internet é un terreo libre no que cada quen fai o que desexa, no mellor dos casos sen incomodar aos demais. En segundo lugar, Scott comezou o seu diario porque sabía que os seus editores ían publicalo nun futuro: e con razón, pois el si que tiña cousas interesantes que contar. A miña vida, anque non me poda queixar moito dela, non é tan interesante como foi a súa, e dubido que isto vaia cambiar axiña. Por iso, estas liñas que escribo van dirixidas fundamentalmente a min mesmo, pero mentiría se dixese que non quero que as lea ninguén: sodes libres de le-las miñas palabras, e se vos parecen interesantes e tedes algún comentario, prégovos que o deixedes no espazo pra comentarios que figura no final de cada entrada. Finalmente, non podo dicir, coma Scott, que levo toda a vida botando en falta non ter escrito un diario, pois si que teño escrito diarios ao longo da miña vida, anque non os mantivese por moito tempo, e ademais, aínda non vivín tantos anos coma Sir Walter cando iniciou o seu diario como pra poder dicir que ese pensamento me vén perseguindo toda a vida. Á miña idade, iso sería unha esaxeración.

O meu único propósito neste caderno de notas virtual, como xa indica o seu título, é dar voz ás miñas teimas. Se queredes escoita-la miña voz, alégrome; se non, pois tampouco pasa nada. As entradas deste diario son unha pequena fiestra aberta aos meus pensamentos e ás miñas reflexións, máis nada. Polo de agora, nin vós sabedes nada de min nin eu sei nada de vós; ao longo do tempo (quen sabe?) se cadra iso pode cambiar. Mais non é certo que non sabedes nada de min: sabedes o que di o título. Sabedes que teño teimas, si, pero quen non as ten? Tamén sabedes que son galego, e eu engado: das Rías Baixas, pois nacín perto da cidade de Vigo. E tamén sabedes que vivo nos Estados Unidos: si, e xa levo unha chea de anos vivindo neste país, onde traballo como profesor nunha universidade. Mesmo casei eiquí e a miña muller e máis eu voltamos a Galiza sempre que témo-la ocasión: a ela gústalle moito e a min gústame que lle guste, como tamén é certo que a ela lle gusta que a min me guste a cidade na que vivimos eiquí. É curioso, pero un pode ter dous fogares, dúas terras coas que se identifica, sen que ningunha desas dúas terras entren en conflicto en ningún intre. Iso é algo que descubrín hai xa moito tempo.

Finalmente, quero dicirvos que non escribo baixo o meu verdadeiro nome, senón que pra iniciar este diario escollín un nom de plume co que me identifico totalmente, pois ten relación con Portugal, unha terra á que me sinto moi próximo: os diferentes compoñentes do pseudónimo lémbranme á cidade de Valença do Minho, perto da que nacín, e á música portuguesa na que sempre tiven un profundo interese. Utilizar un pseudónimo non debe resultar estraño neste mundo da Internet no que o anonimato é tan común. Ademais, o nome é o único ficticio: aquilo do que falo é verdade, existe. E, por suposto, eu tamén existo. Benvidos a este meu lar e grazas por escoitar (é dicir, ler) estas miñas teimas.

O Teotónio.

5 comentários:

SurOeste disse...

Benvido a Blogolandia, Teutónio, xa estás na miña lista de preferidos.

Teotónio L. de Sousa disse...

Amiga SurOeste, grazas pola benvida! :-) Como poderás ver, eu tamén teño o teu blog na lista dos que adoito ler.

Unha aperta,

O Teotónio.

Fasedoira disse...

fichado :)

arume dos piñeiros disse...

Podería, amigo Teótonio, afinar universidade. Benvido a esta maré.

Teotónio L. de Sousa disse...

Fasedoira, moitas grazas pola súa benvida; nun bocado dareime unha voltiña polo seu blog.

Amigo Arume dos Piñeiros, agradézolle tamén a súa benvida á comunidade blogueira galega, que eu sigo dende a outra beira do Atlántico. Había xa tempo que tiña a intención de escomeza-lo meu propio blog, pra non esquece-la lingua e practica-la súa escrita, pra comparti-las miñas opinións cos demais e pra encher parte do meu tempo de lecer. Gústame o seu blog e doulle os parabéns polo mesmo.

O Teotónio.