
O outro día, a miña muller e máis eu fomos ve-la adaptación cinematográfica de Alicia no País das Marabillas feita por Tim Burton. Á entrada do cine Studio on the Square había unha chea de rapaces e rapazas vestidos coma os personaxes da obra de Lewis Carroll, un pouco ao estilo deses rapaces que levan capas negras e variñas máxicas na man cando van ver unha de Harry Potter. Pero Alicia non é Harry Potter: é un libro moito máis dificil de levar á pantalla, e penso que Tim Burton, autor de películas excelentes coma O pesadelo antes de Nadal ou Sleepy Hollow fracasa no seu intento.
Vexamos por que. Lembro ter lido a historia de Alicia un milleiro de veces (cando estaba no instituto, collía o libro no lugar de estudar pra os meus exames de matemáticas e física) e sempre me ten impresionado por ser unha obra na que a linguaxe xoga un papel moi importante. De feito, a tradución ao castelán que lin moito antes de poder le-lo orixinal en inglés estaba chea de notas ao pé pra explica-los moitos xogos de palabras nos que se basean algunhas das partes máis divertidas. Todo isto non é doado de adaptar ao cinema, e o humor intelixente de Carroll non aparece por ningures na versión de Burton.

Ademais diso, o director converte Alicia no País das Marabillas cáseque nunha historia épica: Alicia remata converténdose nunha guerreira que debe salva-la terra das marabillas do perigo do Jabberwocky. Burton pon énfase nun aspecto (o da acción) que non é un elemento principal nin do primeiro libro de Alicia nin da súa continuación, Alicia do outro lado do espello, desvirtuando ese exercicio literario na arte do nonsense que é o poema do Jabberwocky.
Aínda así, a película ten as súas cousas positivas: as interpretacións dos actores, en xeral, están ben, os efectos especiais crean un País das Marabillas de grande calidade plástica, inda que sexa moito máis escuro có que describe Carroll nos libros. Ademais, a idea de que Alicia volta ao País das Marabillas anos despois da súa primeira visita é interesante en si mesma, mais penso que Burton a desaproveita centrándose de máis na acción. Sei que calquera de vós podería argumentar que esta non é máis ca unha versión persoal da historia de Alicia feita por Burton, a súa propia lectura do libro. E teríades razón, pero a min non me convenceu. Ou sería que non a vin en 3-D?
O Teotónio.

2 comentários:
Eu tiña pennsado ila ver un día destes (non sei en cantas dimensións) aínda sabendo que a industria de cine acaba facendo de calquera historia un produto moi semellante, como ti dis: accións espectaculares, efectos especiais, unhas pingotas de sensiblería, se acaso unhas areíñas (grosas)de humor... A literatura boa, pola contra, ten tesouros só accesíbeis a quen se moleste a ler con calma.
Na miña opinión, amiga SurOeste, esta película non paga a pena vela no cine, nin sequera en tres dimensións. Se cadra, é desas película pra se entreter véndoas en DVD. O problema é precisamente o que ti sinalas: que Alicia é moi boa literatura, e a boa literatura sempre é difícil de trasladar á linguaxe cinematográfica, mesmo polo Tim Burton. E se non, que llo digan ao Orson Welles, que endexamais conqueriu rematar a súa versión do Quixote. É que hai obras que só se deben ler...
Enviar um comentário